Tuesday 14 de May de 2024

O Colexio de Arquitectos de Catuluña distingue Pedra da Ra no Premio Europeo de Intervención no Patrimonio Arquitectónico


Foi un dos 18 proxectos declarados finalistas entre case 200 obras

A remodelación do Miradoiro de Pedra da Ra segue sumando recoñecementos no sector de arquitectura: tras facerse co Premio FAD de Arquitectura e co Premio COAG do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia e, ademais, ser escollido no pasado abril para optar aos VII Premios de Arquitectura Ascensores Enor (o fallo pronunciarase no vindeiro mes de novembro), esta aclamada actuación deseñada polo compostelá Carlos Seoane suma outra distinción: a de ser seleccionada como finalista no III Premio Europeo de Intervención no Patrimonio Arquitectónico na categoría de Espazos Exteriores.

Así se deu a coñecer nun acto celebrado na sede do Colexio de Arquitectos de Cataluña no marco da III Bienal Internacional de Intervención en el Patrimonio Arquitectónico AADIPA. Presentáronse case 200 obras das cales 4 foron premiadas noutras tantas categorías, 2 mereceron sendas mencións e houbo 18 proxectos finalistas, entre eles Pedra da Ra.

O Premio Europeo de Intervención no Patrimonio Arquitectónico é un certame bienal organizado polo Colexio de Arquitectos de Cataluña (COAC) e a Agrupación de Arquitectos para a Defensa e a Intervención no Patrimonio Arquitectónico (AADIPA) coa colaboración do Departament de Cultura da Generalitat de Catalunya.

Espazos Exteriores
A remodelación de Pedra da Ra optaba ao galardón na categoría Espazos Exteriores, na que resultou gañador o proxecto Huertas de Caramoniña (responsabilidade de Elisabeth Abalo e Gonzalo Alongo de Abalo-Abalo Arquitectos), e finalistas a restauración do sistema de rego nas hortas termais de Caldes de Montbui (obra de Cíclica – Caava), a recuperación de Caminito del Rey en Málaga (de Luis Machuca Santa-Cruz) e a propia actuación de Carlos Seoane en Riveira.

Bienais
Cómpre lembrar que a actuación tamén obtivo outros importantes merecementos como o feito de ser seleccionada para ser exposta na Bienal de Arquitectura de Venecia e na Bienal Internacional de Arquitectura de Arxentina.

Máis información sobre o Premio Europeo de Intervención no Patrimonio Arquitectónico: http://www.asesorarq.es/ganadores-premio-europeo-intervencion-patrimonio-arquitectonico/